Monday 13 de May de 2024

Medio Ambiente e Facenda colaborarán para formar ao persoal da Xunta e dos concellos que vela pola disciplina urbanística


Está previsto que se impartan entre xuño e decembro un total de seis accións formativas, de tres horas cada unha e centradas en diversos temas de actualidade relacionados co traballo diario e os problemas máis frecuentes destes profesionais

A iniciativa vai dirixida especialmente aos técnicos da APLU e doutros departamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pero tamén poderán inscribirse técnicos de urbanismo ao servizo de entidades locais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería de Facenda colaborarán este ano para ofrecer formación práctica e actualizada sobre disciplina urbanística ao persoal da Xunta e dos concellos que se encarga de velar polo cumprimento da normativa vixente nesta materia.

Con este obxectivo, o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, asinaron esta semana un convenio de colaboración que fixa os termos e condicións nos que se desenvolverá este novo programa formativo ao longo dos vindeiros meses.

Deste xeito, está previsto convocar, entre xuño e decembro, un total de seis cursos de carácter telepresencial e tres horas de duración cada un. A idea é dedicar cada sesión a unha temática específica, abranguendo cuestións de actualidade, novidades normativas e problemas cotiáns cos que se atopan no exercicio do seu traballo diario os profesionais vencellados á disciplina urbanística.

De feito, o programa está pensado de forma específica para manter ao día a inspectores e persoal ao servizo da APLU, así como a funcionarios doutros departamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que traballan no eido do urbanismo.

De igual modo, a inscrición estará aberta ao persoal técnico e xurídico dos concellos adheridos á APLU sempre que desenvolvan tarefas relacionadas coa materia a tratar. En total, ofertaranse 120 prazas para poder participar nos seis cursos, que buscarán ofrecer unha formación práctica e próxima para todos os axentes implicados na xestión da disciplina urbanística.

A primeira ponencia celebrarase no mes de xuño e será impartida por técnicos da DXOTU, que centrarán as tres horas do curso nas últimas novidades normativas no eido da ordenación do territorio tras a recente entrada en vigor da lei galega que regula esta materia ou os cambios introducidos na Lei do solo de Galicia.

O financiamento necesario para desenvolver as accións formativas previstas será asumido pola APLU, que se compromete a facer unha achega de 1.542,75 euros. Ademais, tamén se encargará de determinar o contido e o programa dos cursos e de seleccionar ao profesorado, buscando a implicación doutros organismos con presenza e capacidade de decisión en temas de disciplina urbanística en Galicia, como son o Colexio Oficial de Arquitectos (COAG), a Fiscalía de Medio Ambiente ou a Demarcación de Costas do Estado.

Compromiso formativo por un uso racional do solo
Os cursos que se convocarán ao abeiro deste convenio ratifican o compromiso da EGAP por promover accións formativas que contribúan a fomentar un uso máis racional do solo conforme á normativa reguladora vixente.

Así, a esta actividade é preciso sumarlle os cursos sobre planeamento urbanístico incluídos dentro do plan de formación anual da EGAP, ademais doutras accións puntuais, coma o webinario sobre a Lei de ordenación do territorio de Galicia que terá lugar o próximo día 11 de maio.